O Farto completa a primeira proba dunha tempada na que aspiran a ser protagonistas

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

O único equipo profesional de ciclismo en Galicia participou o 29 de xaneiro no Costa de Almería, a primeira competición da tempada no calendario profesional

Equipo do Farto que participou no Costa de Almería 2023
Equipo do Farto que participou no Costa de Almería 2023 / Patrice Fouques

A tempada 2023 xa está en marcha para o equipo Farto, o único equipo feminino de Galicia que compite no circuíto profesional.

As corredoras estiveron o pasado 29 de xaneiro en Andalucía para participar na carreira Costa de Almería. Unha proba de 135 quilómetros con tres pasos por altos de montaña, dúas de terceira e un de segunda categoría.

O triunfo foi para a italiana Arianna Fidanza do Ceratizit, que venceu no sprint á danesa do Movistar Emma Nordsgaard. Sandra Alonso, tamén do Ceratizit, foi a española mellor clasificada cun quinto posto.

Mentres que no Farto danse por satisfeitos co papel realizado por todo o equipo, especialmente co da checa Veronika Jandova, que cruzou a meta formando parte do pelotón principal a 1:42 da gañadora.

As sete corredoras seleccionadas polo equipo pontevedrés para iniciar a tempada foron Lina Svarinska, Azulde Britz, Mandana Dehgan, Agata Flis, Ariadna Gutiérrez, Veronika Jandova e a española Alicia Crespo.

"Isto só acaba de empezar", compartiron nas redes do equipo despois de completar a primeira proba dun calendario no que o equipo Farto aspira a ser protagonista, igualar os resultados da pasada campaña e volver competir como xa ocorreu no 2022 na Volta a España. 

Ampliar a nómina de ciclistas galegas no circuíto profesional e que a canteira do ciclismo feminino en Galicia siga crecendo é outra das grandes metas do club a longo prazo.