Despois de aprazamentos e suspensións, a Copa de España Féminas Elite e Sub-23 de ciclismo na estrada está a piques de levantar o pano e con ela un Team Farto - BTC que acumula boas sensacións no inicio da tempada.
O conxunto pontevedrés, no seu primeiro curso como equipo profesional de categoría UCI Continental, vén de conseguir a pasada fin de semana un sétimo posto na III Volta Comunitat Valenciana con Agnieta Francke.
A ciclista do Farto meteuse no sprint polo triunfo nunha chegada masiva, na que a mellor foi Chiara Consonni (Valcar - Travel & Service). Ademais Sara Bonillo entrou en meta no posto 17 sumando puntos UCI, e as súas compañeiras Tere Ripoll, Sandra Moral e Melissa Maia tamén entraron no grupo principal. A cruz foi para Carla Fernández, que tivo que abandonar a 4 quilómetros do final debido a unha lesión muscular.
Tras esta cita, que reforza a competitividade do equipo, a Copa de España dará comezo este próximo domingo 25 de abril na localidade vasca de Beasain, coa Igartza Sari Nagusia (Gran Premio Igartza).