O Farto saborea o seu mellor momento: "Estamos a achegarnos ao obxectivo de estar entre os 30 mellores do mundo en 2022"

Pontevedra
18 de maio 2022

O triunfo de Antri Christoforou en La Classique Morbihan, primeira vitoria da historia do equipo pontevedrés nunha carreira de categoría UCI, impulsou ao Farto no ranking internacional

Triunfo de Antri Christoforou en La Classique Morbihan, en Francia
Triunfo de Antri Christoforou en La Classique Morbihan, en Francia / Nicolas Vaucouleur

Na súa segunda tempada como equipo profesional de categoría UCI Continental Feminina, o Team Farto- BTC vive o seu mellor momento, tras saborear o primeiro triunfo da súa historia nunha carreira de categoría UCI.

Fíxoo a escuadra pontevedresa grazas á chipriota Antri Christoforou en La Classique Morbihan, en Francia, un resultado que impulsou o Farto no ranking internacional.

"En tan só ano e medio de existencia en división UCI conseguimos unha vitoria na categoría 1 e ante equipos moi potentes do top-20 mundial. É algo co que só podiamos soñar moi de lonxe ao comezo da tempada", afirma o mánager do equipo, Brais Dacal.

"Ademais, estamos a achegarnos ao obxectivo de estar entre os 30 mellores do mundo en 2022. Non nos imos a conformar nin a dar o ano por resolto con esta vitoria. Queda media tempada e moito traballo por facer e queremos seguir recollendo froitos do duro traballo que levamos a cabo", sinala con determinación.

Segundo a última actualización do ranking internacional, ao 17 de maio, o Farto ocupa o posto 31 con 215 puntos, sendo a terceira escuadra profesional española só por detrás do Movistar Team e do Bizkaia-Durango.

A esta situación contribuíron tamén as boas actuacións do conxunto en probas recentes como a Vuelta a Andalucía, na que ao top-10 de Christoforou sumáronse a mexicana Ariadna Gutiérrez e a canadense Marie- Soleil Blais en varias escapadas na cabeza de carreira, xunto ás sub-23 Lina Svarinska e Azulde Britz en labores de equipo, ademais foi o mellor equipo español na clásica Emakumeen Nafarroako do 10 de maio en Navarra.

Para poñer en valor o triunfo de Antri Christoforou en Francia, o Farto destaca que deixando de lado os resultados do potente Movistar, só se atopa outra vitoria no últimos tres anos para equipos continentais españois, a de Sandra Alonso para o Bizkaia Durango na segunda etapa da Setmana Valenciana en 2021.

Coa moral ao grande o Team Farto prepárase agora para disputar en Cataluña a Revolta, a finais de mes, ademais da clásica UCI Alpes Gresivaudan a primeiros de xuño, antes de continuar coas Copas de España como preparación para os campionatos nacionais.

CAMPIONATO GALEGO CONTRARRELOXO

Para completar o bo momento do equipo, o  Farto sumou ademais medallas no Campionato Galego Contrarreloxo celebrado nas Pontes, grazas ao segundo posto xeneral e ouro sub-23 do seu ciclista Claudia García, ao superar á súa compañeira de equipo Carla Fernández, que a seguiu en ambas as dúas clasificacións.