O Froiz, a consolidar o seu liderado no ránking nacional na Volta a Cantabria

Pontevedra
30 de agosto 2018

A rolda cántabra contará con tres etapas e participación de equipos a nivel internacional coa presenza dunha escuadra francesa, outra belga e da selección xaponesa

Ciclistas do Super Froiz nun adestramento
Ciclistas do Super Froiz nun adestramento / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

A tempada ciclista encara a súa recta final e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz quere manter o liderado no ranking nacional ao que conseguiu regresar este ano.

Para iso, unha boa oportunidade de reivindicarse será a Volta a Cantabria que se disputa a próxima fin de semana.

A rolda cántabra contará con tres etapas e unha importante participación, na que se inclúen escuadras internacionais como o La Pomme Marseille francés, o  Myselan Spie belga e a selección xaponesa.

A carreira comezará o domingo 2 de setembro cunha cronoescalada ao alto da Atalaia. A segunda xornada pola súa banda constará de 148 quilómetros de percorrido con saída e chegada en Viaño e unha importante dificultade montañosa a só 4 quilómetros de meta, e a terceira etapa disputarase entre Murieda e  Maliaño cun perfil máis chairo.

Por parte do Froiz competirán en Cantabria: Martín Lestido, Miguel Gómez, Iván Martínez, Diego Noriega, Sergio Vega, Miguel Montero e Óscar Brea.