O Froiz, a poñer a guinda á tempada na Volta a Galicia

Pontevedra
18 de setembro 2018

Co primeiro posto do ranking nacional por equipo xa no peto, o equipo dirixido por Evaristo Portela céntrase agora en reter o título da Volta a Galicia que comeza o xoves en Verín

Equipo do Froiz que disputará a XVII Volta a Galicia
Equipo do Froiz que disputará a XVII Volta a Galicia / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

Co primeiro posto no ranking nacional por equipos xa no peto, o Grupo Deportivo Supermercados  Froiz quere poñer agora a guinda á tempada na XVII Volta a Galicia que comeza este xoves en Verín.

O conxunto dirixido por Evaristo Portela ten sempre como obxectivo principal do ano vencer na rolda autonómica, e neste caso defende ademais o título logrado o pasado curso por Martín Lestido.

El será precisamente un dos líderes do equipo, acompañado por Sergio Vega, Diego Noriega, Iván Martínez, Miguel Gómez, Guillermo García e Óscar Brea.

Todos eles recibiron este martes os ánimos do patrón do equipo, Magín Froiz, na base de Lourido dentro da concentración previa habitual á Volta a Galicia que realizan estes días polas estradas da comarca.

Ademais de adestrar coas bicicletas de contrarreloxo coas que se estrearán en Verín na primeira etapa, cunha crono por equipos, na comarca disputarase a priori etapa reina da competición, o venres día 21 con saída e chegada en Sanxenxo e ascensións aos altos de Carracedo (3ª Categoría), O Busto (2ª Categoría) e A Escusa (1ª Categoría).

Boiro o sábado 22 e Monforte o domingo 23 de setembro completan a última gran competición da tempada no calendario galego en estrada.