O Froiz busca deixar atrás o mal fario para a terceira proba da Copa de España

Pontevedra
14 de marzo 2019

O equipo ciclista competirá esta fin de semana no País Vasco onde se disputará a terceira proba da Copa de España. Tamén correrán en Zamora para tentar revalidar o título do Trofeo "San José"

Concentración de pretempada do Froiz 2017
Concentración de pretempada do Froiz 2017 / Mónica Patxot

Despois de realizar as dúas primeiras carreiras da Copa de España onde acabaron con molestias Óscar Linares e Jesús Arozamena, as dúas maiores esperanzas do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, o equipo galego tentará deixar atrás a mala sorte e conseguir o mellor resultado posible na competición Nacional. Linares e Arozamena competirán na seguinte proba pero mermados no seu rendemento.

A oportunidade de tentar achegarse aos posto de cabeza, preséntase esta fin de semana coa XVI Aiztondo Klasikoa-Patxi Alkorta Memoriala, terceira proba da competición que se realiza en territorio vasco. Conta con todas as características desta comarca: estradas estreitas, percorrido rompe pernas, subidas curtas e con dureza e un alto grao de desnivel. Trátase de 141 quilómetros con tres portos, o último de dous quilómetros e moi esixente.

Os ciclistas que tomarán a liña de saída para a proba Nacional son: Diego Noriega, Jesús Arozamena, Aarón Mariño, Diego González, Jake Wright, Marcos Navarrete y Aitor Bugarín.

Outro dos puntos de interese para o Super Froiz para esta fin de semana é o Trofeo Ayuntamiento de Zamora que se disputará o sábado 16. Trátase dun percorrido chairo de 84,1 quilómetros que se decidirá no centro da cidade de Zamora.

Tamén en Zamora, o Froiz busca revalidar o título do Trofeo "San José", que celebrará o seu LXXII edición. Conta con 155 quilómetros de percorrido e 6 cotas de montaña de terceira categoría. Trátase dunha carreira dura rompe pernas que se decidirá no último premio de montaña en Muelas de Pan.

Para ambas as probas os corredores seleccionados son: Martín Lestido, Iván Martínez, Adrián Barros, Víctor Romero, Guillermo García, Carlos Amil y Jesús Pociña.