O Froiz inicia a recta final da súa tempada en Palencia

Pontevedra
19 de agosto 2016

A Vuelta a Palencia, con catro etapas a disputar entre este venres e o luns 22 de agosto, é xunto á Volta a Galicia os principais obxectivos do equipo pontevedrés na parte final da tempada ciclista

Ciclistas do Froiz durante un adestramento
Ciclistas do Froiz durante un adestramento / GD Supermercados Froiz

Esta sendo unha tempada complicada para o Froiz, con caídas e lesións dos seus homes importantes, pero o equipo ciclista pontevedrés espera emendala en parte nos dous grandes obxectivos que lle resta por afrontar.

O primeiro deles, desde este venres e ata o luns 22 de agosto, sitúase na LI Vuelta a Palencia Sub-23.

Catro etapas caracterizadas pola dureza e a presenza montañosa na que a escuadra alimenticia espera destacar, a pesar da ausencia de David González, líder do bloque sub-23 do equipo, pola súa recente caída en Toledo.

Os ciclistas que estarán en Palencia son: Martín Bouzas, Alejandro Regueiro, Alejandro Lomba, Víctor Fernández, Raúl Fernández e Diego Somoza.

O Froiz ademais prepara xa a súa participación na Volta a Galicia, obxectivo marcado como un dos máis importantes desde o inicio de ano.