O Froiz quere achegarse ao amarelo da Copa España no Memorial Pascual Momparler

Pontevedra
20 de abril 2018

Sergio Vega, sétimo na clasificación xeral da competición, afronta este domingo en Villanueva de Castellón unha gran oportunidade de achegarse ao liderado nunha das carreiras máis esixentes do calendario

Concentración de pretempada do Froiz 2018
Concentración de pretempada do Froiz 2018 / Mónica Patxot

A Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo en estrada entra na súa fase máis decisiva e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz quere situarse entre os aspirantes para conquistar a coroa.

Tras o seu segundo posto en Xaén, Sergio Vega chega ao Memorial Pascual  Momparler do próximo domingo 22 de abril na sétima posición da xeral a menos de 100 puntos do líder, Antonio Soto (384 puntos), tendo por diante una das probas máis esixentes do calendario.

A sexta cita puntuable da Copa de España caracterízase por un duro percorrido de 163 quilómetros e catro ascensións como o Alto Calderón, Campello, Cumbres de Valencia e Santa Ana, un terreo que gusta á escuadra alimenticia.

A carreira promete romper de lonxe coa presenza a metade de trazado do Campello, unha parede de pouco máis de 2 quilómetros cunha pendente media do 11%. Tras o seu descenso espera Cumbres de Valencia, que cos seus 6,6 quilómetros ao 6,2% está chamado a situar aos máis fortes á fronte a falta de 80 quilómetros para a conclusión, aínda que todo poderá pasar ata a subida a Santa Ana, unha última oportunidade para os escaladores con 2,8 quilómetros ao 5,3% a algo máis de 20 km do arco de meta.

O Froiz por tanto deberá empregarse a fondo para manter as súas opcións, cun equipo que encabeza o citado Sergio Vega, acompañado por: Diego Noriega, Diego González, Ander del Castaño, Aarón Mariño, Guillermo García e Abel Franco. 

No Memorial Pascual Momparler, que se disputa na localidade de Villanueva de Castellón, tomarán a saída os 21 equipos habituais da Copa de España Elite e  Sub-23, ademais dos invitados Tenerife-Bike Point, Ginestar-ULB e Bennicasim.