O Froiz suma dúas novas pezas para o seu proxecto de 2019

Pontevedra
06 de novembro 2018

Marcos Navarrete (Compak) e Óscar Linares (Gomur) únense ás filas do equipo pontevedrés para unha tempada na que tentará manterse no alto do ránking nacional elite e sub-23

Óscar Linares (esquerda) no podio da Volta á Coruña na que venceu Sergio Vega
Óscar Linares (esquerda) no podio da Volta á Coruña na que venceu Sergio Vega / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados  Froiz confirmou dúas novas fichaxes para o seu proxecto da próxima tempada 2019, no que aspirará a manterse no alto do ránking nacional elite e  sub-23.

A iso está chamado a colaborar o cántabro Óscar Linares, ciclista que procede do Gomur e que conta con pasado en profesionais, no Burgos BH. Aquela aventura non saíu ben debido a unha enfermidade, polo que que deu un paso atrás para competir o último ano co Gomur. 

Trátase dun corredor "de gran calidade, escalador", sinalan desde a escuadra alimenticia, que entre outros resultados foi segundo na pasada Volta á Coruña nunha rolda por etapas que levou  Sergio Veiga, do  Froiz.

Ademais o equipo dirixido por Evaristo Portela suma á súa causa a unha nova promesa como Marcos Navarrete (Compak), ciclista "moi completo" e que aos seus 19 anos buscará dar un paso adiante na súa progresión.

En definitiva "dous grandes ciclistas que darán alegrías ao equipo", asegura convencidos desde o conxunto pontevedrés.