O Froiz téntao ata o final pero tense que conformar co segundo posto na Volta

Pontevedra
18 de setembro 2016

A última etapa da Volta a Galicia, con saída e chegada no Porriño, decidiuse ao sprint nun grupo no que se atopaban todos os favoritos, polo que Marcos Jurado finalizou en segunda posición a 23 segundos do gañador, Samuel Blanco

Podio final da Volta a Galicia 2016
Podio final da Volta a Galicia 2016 / Federación Galega de Ciclismo

Tentouno todo o Grupo Deportivo Supermercados Froiz para lograr o triunfo final na Volta a Galicia, pero quedou co mel nos beizos.

O equipo alimenticio chegaba á última xornada da carreira, unha etapa en liña con saída e chegada no Porriño, con Marcos Jurado segundo a 23 segundos do líder e Dani Domínguez quinto a 58 segundos.

Esa dobre opción utilizouna Evaristo Portela, que mandou atacar a Domínguez no primeiro porto da etapa, nada máis saír. O ciclista do Froiz, acompañado dos seus compañeiros Joao Araújo, David González e Sergio Míguez, puxo en xaque ao líder, Samuel Blanco, ao chegar a contar con preto de tres minutos de renda.

A vantaxe mantívose ao redor dos 2 minutos ata o quilómetro 80, cando varios equipos empezaron a relevarse no pelotón para cazar a fuga.

Conseguírono así que a outra baza do equipo pontevedrés, Marcos Jurado, tentou atacar sen éxito no tramo final da xornada.

Ao final a etapa decidiuse ao sprint, con vitoria parcial do portugués Francisco Campos e na xeral para Samuel Blanco (Rías Baixas), que defendeu con éxito a camisola de líder.