O Froiz volve á carga en Padrón coa Clásica de Pascua

Pontevedra
26 de abril 2019

Tras descansar de carreiras durante a Semana Santa, o equipo pontevedrés retoma a competición cunha das probas clásicas do calendario ciclista de Galicia

Concentración de pretempada do Froiz 2019
Concentración de pretempada do Froiz 2019 / PontevedraViva

Tras tomar un respiro competitivo durante a Semana Santa, o grupo Deportivo Supermercados Froiz retoma a actividade nunha das carreiras con máis historia do calendario autonómico, a Clásica de Pascua de Padrón.

A proba ciclista chegará este sábado 27 de abril á súa 57ª edición.

Farao cun percorrido de 125 quilómetros e ata cinco altos de montaña, o último a 15 quilómetros de meta. Ademais do perfil rompepernas, aos ciclistas espéralles un tramo final de 400 metros de lastra.

O Froiz acudirá a Padrón con todos os seus ciclistas galegos, como son Martín Lestido, Óscar Brea, Aarón Mariño, Aitor Bugarín, Abel Franco, José Carlos Amil, Guillermo García, Jorge Suárez, Roi Domínguez, Diego González e Adrián Barros, completando o equipo Jesús Arozamena e Jake Wright.

A Clásica de Pascua será o punto de partida para unha intensa semana para a escuadra alimenticia, na que afrontará as dúas citas finais da Copa de España Elite e Sub-23 coa Clásica Santikutz-GP Bertán, en Legazpi (1 de maio), e o Gran Premio Macario en Alacá de Henares, Madrid (5 de maio).