O futuro do tenis nacional acode a Pontevedra co obxectivo de gañar o Campionato de España

Pontevedra
29 de xuño 2018

O torneo vai disputarse do 2 ao 8 de xullo no Casino Mercantil de Pontevedra coa presenza de 128 xogadores de 18 delegacións para tentar un gañar un campionato no que triunfaron Rafa Nadal, Garbiñe Muguruza, Arantxa Sánchez Vicario, Conchita Martínez e Álex Corretja

Presentación de Campionato de España Alevín de Tenis 2018
Presentación de Campionato de España Alevín de Tenis 2018 / Mónica Patxot

Pontevedra converterase durante a próxima semana no epicentro do tenis nacional na categoría alevín. Os 128 xogadores máis importantes de 18 delegacións españolas, só quedou fóra Melilla, estarán presentes no Campionato de España Alevín 2018, que se disputará nas instalacións do Casino Mercantil en Mourente desde o 2 ao 8 de xullo.

Xogadores da categoría internacional de Garbiñe Muguruza, Rafa Nadal, Conchita Martínez, Arantxa Sánchez Vicario e Álex Corretja venceron neste campionato cando tiñan 11 anos. Agora, 13 tenistas galegos, 26 cataláns e 20 madrileños, entre outros, disputarán os campionatos masculino e feminino deste torneo.

O domingo 1 celebrarase o sorteo a partir das 18.30 horas e terá lugar o desfile inaugural nas instalacións do Mercantil a partir das 20.00 horas. Inicialmente estaba previsto que o acto se desenvolvese na praza de España pero as previsións de choiva obrigaron a desprazalo a Mourente, onde se desenvolverá a partir do luns ás 09.00 horas toda a actividade deportiva, entre as que se inclúe un torno de tenis praia.

Os afeccionados deberán prestar atención a Rafael Segado do Club de Murcia, unha das promesas do tenis español, pero tamén haberá que prestar atención a Daniel Rodríguez, Marcos Abreu e Pedro Fernández Couto do Club Mercantil de Pontevedra e aos campións galegos Ana Novoa, de Ourense, e Darío Vila, de Lugo.

Este venres presentábase o torneo no Concello coa presenza da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; o presidente do Casino Mercantil, Ernesto Filgueira; o representante da Federación Galega, Marco Casal e o director técnico da competición, Miguel Lapido.

Todos eles destacaron o movemento económico que supón este campionato para os establecementos hostaleiros da cidade coa presenza de familiares e 30 adestradores dos xogadores. A organización conta cun orzamento de 25.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora