O Galaico céntrase na Copa de España de natación "sen renunciar a nada"

Pontevedra
13 de decembro 2018

Os equipos feminino e masculino absolutos do Club Natación Galaico participarán os días 21, 22 e 23 de decembro na Copa de España en Xixón e Castelló

Águeda Cons, durante unha competición en Pontemuíños
Águeda Cons, durante unha competición en Pontemuíños / Mónica Patxot

Os equipos feminino e masculino do Club Natación Galaico céntranse xa no que será o seu próximo obxectivo as Copas de España que se celebrarán en Xixón e Castelló respectivamente entre o 21 e o 23 de decembro.

Ambos chegan, segundo o director deportivo, Diego Pérez, e o segundo adestrador, Pablo Expósito, con "moi boas expectativas".

En Primeira División competirá o conxunto feminino, nas instalacións do CN Santa Olaya de Xixón, nunha competición á que vai "co obxectivo de manternos na categoría, aínda que sen renunciar a nada xa que temos un moi bo equipo, bastante reforzado", explica Pérez.

Pola súa banda os mozos defenderán ao Galaico na Segunda División, en Castelló, co obxectivo de "afianzarnos nesta categoría e evitar ter que estar a nos clasificar cada tempada para estar nesta cita nacional", sinalou Pablo Expósito.