O Galaico fai balance positivo da súa participación no Nacional de Piscina Curta

Pontevedra
27 de novembro 2017

Carla Goyanes e Clara Otero representaron ao club pontevedrés na competición celebrada en Barcelona, onde a tamén pontevedresa Bea Gómez foi finalista en dúas probas

Carla Goyanes e Clara Otero no Campionato de España Absoluto de Inverno
Carla Goyanes e Clara Otero no Campionato de España Absoluto de Inverno / Club Natación Galaico

Para o Club Natación Galaico, a súa participación no Campionato de España Absoluto de Inverno celebrado ata o domingo en Barcelona foi positivo. 

Dúas nadadoras, Carla Goyanes e Clara Otero, representaron o club na primeira gran competición da tempada, pensada como un test para os retos que están por vir ao longo do curso.

Goyanes debutaba nun Nacional Absoluto participando nas probas dos 100 e 200 bolboreta, logrando na segunda distancia a súa mellor marca persoal para finalizar na vixésima posición a pesar de ser aínda junior.

Pola súa banda Clara Otero nadou os 50 e 100 costas, 50 e 100 libre e os 100 estilos, sendo a mellor proba os 50 libre ao lograr a súa mellor marca persoal e acabar no posto 24.

No Nacional de Piscina Curta tomou parte tamén a pontevedresa Bea Gómez, defendendo as cores do Sabadell e logrando meterse en dúas finais. Ao quinto posto conseguido nos 400 estilos sumoulle a mesma posición na final dos 200 estilos, a menos dun segundo do podio (2:14.51).

Tras esta cita o Galaico pensa xa na Copa de España de Clubs que se disputará do 21 ao 23 de decembro. O equipo feminino repetirá en Sant Andreu na Primeira División Nacional, mentres que os mozos estrearanse na Segunda División en Sabadell.