O Galaico, favorito a pesar das baixas na final da División de Honra Galega de natación

Pontevedra
26 de abril 2017

O equipo pontevedrés buscará o sábado revalidar o título que lle acredita como mellor club galego na final que se celebrará na piscina olímpica de Pontemuiños. Agueda Cons e Bea Gómez, concentradas co equipo nacional, e Marc Ciurana, recentemente operado, perden a cita

Primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta
Primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta / Mónica Patxot

Revalidar o título que lle acredita como mellor club galego é o obxectivo do Club Natación Galaico na final da Liga Galega de División de Honra que se celebrará na piscina olímpica de Pontemuiños o vindeiro sábado 29 de abril.

O club pontevedrés gañou o dereito a organizar a xornada definitiva tras impoñerse na fase regular, e a pesar de contar con importantes ausencias perfílase como o principal favorito da competición.

Non estarán na fase final nomes destacados como Águeda Cons e Bea Gómez, concentradas co equipo nacional, e tampouco Marc Ciurana, que tras a súa participación no Campionato de España Open foi operado e tamén perderá a cita.

En Pontemuiños citaranse seis clubs galegos e un total de 134 nadadores, sendo o Pabellón Ourense e o Club Natación Ferrol os outros aspiranmtes ao título, mentres Natación Liceo, Club de Mar San Amaro e Club Natación Arteixo loitarán por evitar o descenso a Primeira División.

A competición, con entrada de balde para o público, iniciarase ás 10:30 horas na xornada matinal e ás 17:00 horas na sesión de tarde.