O Galaico organiza un mes de portas abertas para captar novos talentos

Pontevedra
21 de agosto 2019

O club de natación pontevedrés ensinará a nenos e nenas de máis de catro anos como é a actividade no club e as nocións básicas do deporte da piscina entre o 2 e o 27 de setembro en horario de tarde e de forma gratuíta

Equipo do Galaico no Trofeo de Avilés de natación
Equipo do Galaico no Trofeo de Avilés de natación / Club Natación Galaico

O principal club de natación de Pontevedra busca ampliar a súa base. O CN Galaico organizará entre o 2 e o 27 de setembro na piscina das Complexo Rías do Sur unhas xornadas de portas abertas en horario de tarde na que convidan a probar este deporte a nenos e nenas a partir de catro anos.

Co inicio da tempada, o equipo pontevedrés desexa incorporar novos deportistas aos equipos das diferentes categorías por iso idearon unha iniciativa na que os máis pequenos poderán coñecer a nacatación e como se desenvolve a actividade do club. Para participar, os interesados soamente deben enviar un correo electrónico a [email protected] para solicitar a inscrición.

A actividade desenvolverase os luns, mércores e venres de 18.00 a 19.00 horas e os martes e xoves de 17.00 a 18.00 horas.