O Gran Mestre Aleksa Strikovic leva o Memorial Ramón Escudeiro de xadrez

Pontevedra
29 de decembro 2016

O Gran Mestre serbio logrou 7 vitorias e 2 empates, un total de 8 puntos sobre 9 para facerse co triunfo tras dous días de competición

Aleksa Strikovic recibe o premio do Memorial Ramón Escudeiro de xadrez
Aleksa Strikovic recibe o premio do Memorial Ramón Escudeiro de xadrez

O quinto Memorial Ramón Escudeiro Tilve de xadrez conta con gañador despois de dous días de competición.

O Gran Mestre serbio Aleksa Strikovic proclamouse campión ao lograr sete vitorias e dúas táboas nas súas partidas, o que supón oito puntos sobre nove.

Strikovic empatou a puntos co galego David Lariño, pero impúxose polo coeficiente de desempate, é dicir, a suma dos puntos de cada un dos seus rivais. A un punto situouse un grupo de catro mestres, co galego Diego Espiñeira terceiro e Daniel Rivera, representante da Escola Xadrez Pontevedra na cuarta praza.

O Memorial Ramón Escudeiro disputouse na modalidade 'rápida', con partidas de só 20 minutos de duración e 127 xogadores inscritos de diferentes puntos de España e de países como Serbia, Cuba, Uruguai ou Portugal.

Aproveitando o peche do torneo, a Escola Xadrez Pontevedra confirmou que o V Torneo Internacional Cidade de Pontevedra xogarase en agosto de 2017 e a próxima edición do Memorial Ramón Escdeiro recuperará o seu formato habitual do 26 ao 30 de decembro.