O Grand Prix de Mánchester, oportunidade para Iván García de achegarse a París 2024

Marín
19 de outubro 2022

O taekwondista marinense do Mat's, bronce no recente Grand Prix de París, daría un paso de xigante nas súas aspiracións olímpicas cun bo resultado en Inglaterra. En Mánchester tamén competirá a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz

Iván García e Arlet Ortiz tras ser medallistas no Open de Polonia de taekwondo
Iván García e Arlet Ortiz tras ser medallistas no Open de Polonia de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Cita importante para o taekwondo galego e pontevedrés no Grand Prix de Mánchester que se celebra do 20 ao 23 de outubro.

Nesta cita do máximo circuíto mundial, ao que acceden por rigoroso ranking os 32 mellores clasificados de cada peso, contará cunha dobre representación o Mat's de Marín.

A punta de lanza será Iván García, na categoría de +80 quilos, buscando un novo resultado destacado que faga crecer moito as súas opcións de lograr a clasificación directa para os próximos Xogos Olímpicos. O marinense teno ao seu alcance, pero este tipo de probas do Grand Prix xunto aos campionatos mundiais do presente 2022 e de 2023 resultarán decisivos.

Polo momento en setembro Iván xa conseguiu subir ao podio no Grand Prix de París, polo que outro resultado similar consolidaríalle nos primeiros postos do ranking no peso pesado.

Ademais no Reino Unido competirá a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz, nos -57 quilos, coa esperanza de ascender postos no ranking olímpico nun peso no que tamén competirá a boirense Alma Pérez.

O Grand Prix de Manchester é o último dos tres que conforman o calendario de 2022, quedando por diante soamente como citas destacadas ata final de ano a gran final do circuíto en Arabia Saudita (9-10 de decembro) e o Campionato do Mundo de Guadalaxara (México).