O Grove será escenario en setembro da renovada Copa Galicia de baloncesto feminino

Pontevedra
05 de xullo 2019

Arxil e Cortegada enfrontaranse nos cuartos de final dunha competición que se disputará concentrada en tres días no mesmo escenario, do 19 ao 21 de setembro

Partido do Arxil ante o AD Cortegada no CGTD
Partido do Arxil ante o AD Cortegada no CGTD / Mónica Patxot

O inicio da pretempada aínda parece afastado para os equipos do baloncesto feminino galego e pontevedrés, pero as datas importantes da mesma empezan a coñecerse.

A Federación Galega de Baloncesto definiu o calendario e formato de competición da renovada Copa Galicia, que pasará a disputarse concentrada en tres días e no mesmo escenario.

Ese lugar será o pavillón municipal do Grove entre o 19 e o 21 do próximo mes de setembro.

O torneo iniciarase cos cuartos de final, nos que os cruces enfrontarán a Club Baloncesto Arxil e Cortegada de Vilagacía por unha banda e a Celta Zorka e Baxi Ferrol polo outro, o xoves 19 de setembro.

Unha xornada despois, o venres 20, será quenda da semifinal entre os gañadores e dun encontro entre os perdedores da anterior eliminatoria, mentres que o sábado 21 xogarase a final, para a que xa está clasificado o Ensino de Lugo.

O ARXIL INICIARÁ A PRETEMPADA O 2 DE SETEMBRO

A fase de preparación da tempada comezará para o Arxil o día 2 de setembro, segundo confirmou o club pontevedrés. Durante todo o mes as verdes traballarán na súa posta a punto coa previsión de que se fixen tres ou catro encontros amigables, ademais da propia Copa Galicia.

O conxunto arxilista segue traballando mentres tanto na composición do plantel, tras renovar a Carla Fernández, que cumprirá o seu décimo curso no club.