O Guijuelo, toda unha incógnita para o Pontevedra

Pontevedra
04 de xaneiro 2017

Un mes despois de cambiar de técnico o cadro salmantino non termina de arrincar en liga, onde loita por evitar o descenso lonxe dos obxectivos plantexados ao comezo da tempada. Ademais de dúas baixas de longa duración, Jordi Fabregat conta coas dúbidas dos centrocampistas Jonxa Vidal e Néstor Gordillo para o encontro en Pasarón

Partido entre Guijuelo e Pontevedra no Municipal de Guijuelo
Partido entre Guijuelo e Pontevedra no Municipal de Guijuelo

O Club Deportivo Guijuelo espera reaccionar na segunda volta de competición para afastarse dos postos de descenso a Terceira División, despois dunha primeira metade da tempada na que estivo lonxe dos seus obxectivos.

Por ese motivo, e tras o seu recente cambio de adestrador, o Pontevedra non sabe que Guijuelo se atopará o vindeiro domingo (17:00 horas) en Pasarón no seu primeiro encontro ligueiro do ano.

Os granates empataron a un tanto na primeira xornada en terras salmantinas, pero o seu rival cambiou considerablente desde o inicio da competición.

Jordi Fabregat, que colleu o mando do equipo a metade de novembro en substitución de Mateo García, marcouse de prazo ata o inicio de ano para facer chegar as súas ideas ao plantel e empezar a remontar posicións na táboa, na que ocupan actualmente o posto de promoción pola permanencia na categoría.

O técnico 'chacinero' non poderá contar en Pasarón cos lesionados de longa duración Ayub e Granell e conta coas dúbidas dos centrocampistas Jonxa Vidal e Néstor Gordillo, que nas últimas xornadas adestraron a menor ritmo que os seus compañeiros por molestias na pube.

Desde a chegada de Fabregat ao banco salmantino o Guijuelo non terminou de arrincar, cun balance dunha vitoria, dous empates e dúas derrotas, sendo peor a súa imaxe a domicilio con só un empate e dous partidos perdidos.