O histórico liderado do Granada en Primeira División iguala unha xesta do 'Hai que roelo'

Pontevedra
29 de outubro 2019

Só tres equipos recentemente ascendidos á máxima categoría conseguiron colocarse líderes de Primeira División pasada a décima xornada do campionato. Un deles foi o Pontevedra na campaña 65-66, na que logrou a mellor clasificación da súa historia

Celebración do gol de Odriozola que deu o liderado de 1ª División ao Pontevedra
Celebración do gol de Odriozola que deu o liderado de 1ª División ao Pontevedra / Miguel Domínguez Vaz - 'Pontevedra CF, cincuenta años de historia'

O 'Hai que roelo', presente na memoria de todos os afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol, volve estar de actualidade, aínda que sexa polo logro conseguido por outro equipo humilde da xeografía nacional.

O triunfo logrado o pasado domingo polo Granada CF no seu estadio contra o Betis (1-0) non só lle colocou por segunda vez na súa historia líder de Primeira División, á espera de ou que suceda no aprazado Barcelona-Real Madrid, senón que igualou unha marca que só outros dous equipos conseguiron, entre eles o Pontevedra na súa época dourada.

Esta particular xesta é a de ser os únicos equipos recentemente ascendidos á máxima categoría que no seu primeiro ano conseguiron situarse primeiros pasada a xornada 10 da competición.

No caso dos granates, á memoria vén un 28 de novembro do ano 1965 (tempada 65-66), cando o Atlético de Madrid dos Luis Aragonés ou Adelardo, entre outros, visitaba un Estadio Municipal de Pasarón cheo ata a bandeira.

Tras un ano en Segunda, o Pontevedra lograra o ascenso e gozaba da segunda tempada da súa vida na elite. Corría a xornada 11 e aquel equipo pequeno pero pelexador chegaba terceiro na táboa a dous puntos do poderoso Atlético, que terminaría proclamándose campión. Aquel once titular con Celdrán, Calleja, Cholo, Batalla, Azcueta, Vallejo, Odriozola, Neme, Ceresuela, Martín Esperanza e Fuertes faría historia. Foi cun gol de Odriozola aos 46 minutos de xogo, o único do partido, que daba un triunfo que quedou escrito con letras de ouro na historia do club.

Non durou moito o liderado, porque unha xornada despois o Espanyol gañaría por 2-0 no seu estadio aos pontevedreses. Con todo non restou nada de valor ao conseguido aquela campaña, que segue sendo a mellor da historia do Pontevedra Club de Fútbol concluíndo nunha fantástica sétima posición.

Segundo a información da conta experta en datos e estatística de fútbol MisterChip, ademais de Granada (2019/2020) e Pontevedra (1965/1966), só igualou este particular récord o Rayo Vallecano, que foi líder de Primeira División durante as xornadas 10 e 11 da campaña 1999-2000.