O II Trofeo Internacional Xacobeo reunirá no Lérez a máis dun milleiro de piragüistas galegos e portugueses

Pontevedra
07 de setembro 2022

A competición, que se celebrará o domingo 11 no río pontevedrés, está deseñada para padeeiros de categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Mentres que os cadetes participarán en Verducido en diversas probas de velocidade

Presentación do II Trofeo Internacional Xacobeo de Piragüismo Concello de Pontevedra

Un total de 1.335 piragüistas participarán este domingo 11 de setembro na segunda edición o Trofeo Internacional Xacobeo 2022, que se celebrará en augas do río Lérez, ao seu paso pola cidade de Pontevedra.

Os deportistas, pertencentes a 44 clubs de Galicia e o norte de Portugal, pertencen ás categorías prebenjamín, benjamín, alevín e infantil, tanto masculinos como femininos.

A eles sumaranse outros 250 piragüistas en idade cadete que competirán no encoro de Verducido en diversas probas de velocidade complementarias a este trofeo.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, sinalou que esta pretende ser a "festa do piragüismo galego-portugués", dúas rexións que de competir xuntas como país "estariamos entre as tres principais potencias do mundo".

Este evento conxunto, sinalou o dirixente galego, terá continuidade en novembro con concentracións de mellora, rendemento e tecnificación pensadas para que os deportistas desta eurorrexión "sigan mellorando", tendendo pontes en materia de coñecementos.

Na presentación deste trofeo tamén participou o vicepresidente da Federación Portuguesa de Piragüismo, Ernesto Morais, que destacou a "forza" que o piragüismo ten en Galicia e o norte do país luso, aínda que non sexa "moi recoñecido e apoiado polos gobernos".

Con este tipo de competicións, segundo Morais, "queremos promover o piragüismo" para que cada vez sexan máis os nenos e nenas que se animen a formarse nesta disciplina.

Os padriños deste II Trofeo Internacional Xacobeo 2022 serán os piragüistas galegos Tono Campos, Diego Romero e Tania Vázquez, xunto ao padeeiro portugués Fernando Pimenta