Complicado rescate dun mozo que sufriu unha caída nas pozas de Aranza en Soutomaior

Soutomaior
29 de xuño 2026

O suceso, que tivo lugar a última hora do domingo nunhas pozas de difícil acceso, obrigou a mobilizar un importante equipo de rescate ante a caída da noite

Operativo de emerxencia pola caída dun home nas pozas de Aranza
Operativo de emerxencia pola caída dun home nas pozas de Aranza / PontevedraViva

Un home foi rescatado este domingo nas pozas de Aranza, en Soutomaior, tras sufrir unha caída e caer por un terraplén cando accedía á zona de baño en compañía doutra persoa.

Ocorreu a última hora do día, pasadas as 21.00 horas, e a chegada da noite complicou os labores de rescate nunha zona de difícil acceso, obrigando a mobilizar un importante equipo de emerxencia.

De feito nin a ambulancia nin os bombeiros podían acceder ao lugar cos seus vehículos, sendo o único acceso un sendeiro estreito e pegado a un cantil.

Todo iso con cada vez menos luz sobre o terreo.

Até o lugar desprazouse unha ambulancia do 061 e tamén efectivos da Garda Civil e dos Bombeiros.

Explica o 112 Galicia que foron os bombeiros do Baixo Miño e membros do GES de Mos os que acometeron o rescate, coa colaboración mesmo do helicóptero Pesca I dos Gardacostas de Galicia iluminando desde o aire a vía de evacuación, xa que nin a orografía nin a visibilidade ofrecían condicións seguras para unha maior intervención aérea.

A intervención médica no lugar permitiu ao ferido, que segundo informa o 112 sufría un colapso pulmonar por un traumatismo na zona do tórax, avanzar camiñando até o lugar no que esperaba a ambulancia.

O mozo foi finalmente trasladado ao Hospital de Montecelo de Pontevedra.