O Concello de Soutomaior dará un novo paso na atención á cidadanía coa posta en marcha, a partir do vindeiro 1 de xullo, dun sistema de avisos e comunicación directa coa veciñanza a través de WhatsApp.
Esta iniciativa enmárcase na campaña "Conscientes. Medra en Verde" e supón unha ferramenta moderna, accesible e sen barreiras para facilitar a relación entre a administración local e a cidadanía.
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Pablo Garrido, e o CEO de Siháho, Manuel Pan, presentaron este luns esta novidosa aplicación
A través do número 667 76 82 89, a veciñanza de Soutomaior poderá comunicar incidencias dun xeito rápido e sinxelo.
O principal valor deste novo servizo é a súa facilidade de uso, xa que non é necesario descargar ningunha aplicación nin rexistrarse en plataformas adicionais.
Funciona directamente desde WhatsApp, unha ferramenta presente no día a día da maioría da poboación.
Este sistema, pioneiro no ámbito municipal, converte a Soutomaior nun referente na implantación de novas fórmulas de atención cidadá, apostando por unha administración máis próxima, áxil e adaptada ás necesidades actuais.
"Queremos eliminar barreiras e facilitar ao máximo a comunicación coa cidadanía", destacou Pablo Garrido, ofrecendo así unha atención "máis directa, inmediata e accesible".
A partir do 1 de xullo, a veciñanza só terá que gardar o número na súa axenda e comezar a utilizar esta canle directa co Concello de Soutomaior.
Con esta iniciativa, o Concello quere aumentar o compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a mellora continua dos servizos públicos, avanzando cara a unha administración máis eficiente e próxima á cidadanía.