O Concello de Soutomaior ten actualmente en marcha ou comprometidos investimentos por valor de 2.455.158 euros destinados á mellora de infraestruturas, equipamentos municipais e espazos públicos do municipio.
Segundo informou o goberno local, esta contía corresponde a diferentes actuacións que se atopan en execución ou en distintas fases de tramitación durante este ano.
Entre os proxectos incluídos nesta planificación figuran as obras na contorna da casa consistorial, a reforma do salón de plenos e os traballos que se desenvolven en Talo Río.
A estas actuacións súmanse outras iniciativas que se atopan en proceso de licitación, como a construción das pistas de pádel, as intervencións en Roxelio Landeiro, A Lavandeira e a remodelación da Praza do Souto.
O executivo municipal sinala que o volume de investimento podería aumentar nos próximos meses.
En concreto, explica que, de obter resolución favorable as subvencións actualmente solicitadas a outras administracións, a cifra global ascendería ata os 4.925.944 euros en actuacións previstas para este exercicio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que o municipio está a rexistrar un dos períodos con maior actividade investidora en obra pública dos últimos anos.
Segundo indicou, os recursos mobilizados permitirán continuar coa mellora das rúas, dos servizos municipais e dos espazos de uso público.
Ademais, subliñou a importancia da captación de financiamento externo para impulsar novos proxectos e ampliar a capacidade de investimento do Concello.
Desde o goberno local insisten en que estas actuacións forman parte dunha estratexia orientada á modernización das infraestruturas municipais e á mellora da accesibilidade e dos servizos para a veciñanza, ao tempo que destacan a colaboración con outras administracións para financiar proxectos considerados estratéxicos para o desenvolvemento do concello.