O IMD deixa paso ao Servizo Municipal de Deportes

Pontevedra
29 de decembro 2016

O Concello de Pontevedra celebrou este xoves a última reunión da xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes, que se disolve tras 20 anos de funcionamento e abre unha nova etapa como Servizo Municipal de Deportes con unha prioridade inmediata, a renovación das piscinas de Campolongo

Última xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes
Última xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes / PontevedraViva

Despois de 20 anos de funcionamento, o Concello de Pontevedra acolleu este xoves a última reunión da xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes, que se disolve oficialmente para deixar paso ao novo Servizo Municipal de Deportes.

"Por cuestións legais, de novas lexislacións e novos tempos era necesario mudar", sinalou tras a reunión a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro

O Servizo Municipal de Deportes deixará de ser un organismo autónomo para depender directamente da estrutura do Concello, contando co persoal que traballaba no IMD apoiado polos demais servizos municipais.

Tras a súa posta en marcha co novo ano, un dos obxectivos "algo máis que prioritarios" nos seus primeiros meses de funcionamento será impulsar a demandada renovación das piscinas de Campolongo.

O PP PIDE QUE SE LLE DE VOZ AOS CLUBS

Ante o novo escenario ao que se enfronta a xestión do deporte local, o Partido Popular defende "o cumprimento do acordo plenario do pasado 22 de febreiro para que de agora en diante as políticas deportivas municipais sexan o máis democráticas, plurais e participativas posibles", sinalou Tomás Abeigón.

Ademais de pedir que se de oportunidade de opinar aos representantes do mundo do deporte, o edil popular lamentou a "perda de peso dos grupos políticos" nas decisións que incumben ao deporte local.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora