O ITF de Sanxenxo quenta motores lembrando o paso polas pistas da Cultural de Carlos Alcaraz ou Casper Ruud

Sanxenxo
14 de outubro 2022

Os torneos de tenis júnior e cadete forman parte do convenio de colaboración que asina a Secretaría Xeral para o Deporte coa Federación Galega de Tenis e que neste 2022 ascende ata preto dos 110.000 euros

Presentación da vixésima edición do torneo internacional de tenis de Sanxenxo
Presentación da vixésima edición do torneo internacional de tenis de Sanxenxo /

O torneo Internacional de Tenis ITF Júnior e Cadete que se celebra cada ano nas instalacións deportivas do Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo celebrarase este ano a partir do vindeiro 18 de outubro. A viséxima edición do campionato júnior e a décimo cuarta do cadete foron presentadas este venres no hotel Carlos I Silgar coa presenza da extenista profesional Arantxa Sánchez Vicario, acompañada por representantes da Xunta, Deputación e Concello.

O secretario xeral para o Deporte, Xose Ramón Lete Lasa, destacou o papel da gañadora de catro Grand Slams como pioneira e inspiradora de moitos dos que viñeron detrás, como foi o caso da pontevedresa Lourdes Domínguez, que en 1999 converteuse na primeira española en gañar Roland Garros Júnior, “un fito que hoxe segue a ser unha das maiores xestas do tenis galego”.

O dirixente sinalou que dende aquela, o tenis galego seguiu a medrar e, nese sentido, subliñou a importancia do vigués Martín de la Puente, “o mellor tenista español en cadeira de rodas que vén de acadar o seu primeiro Grand Slam, nos dobres en cadeira do US Open”. 

Precisamente, moitos dos gañadores e finalistas dese US Open -os españois Carlos Alcaraz (campión sénior) e Martín Landaluce (campión júnior), o noruegués Casper Rudd (finalista sénior), o belga Guilles Bailly (finalista belga) ou a filipina Alexandra Eala (campioa júnior)- participaron anteriormente nos torneos de Sanxenxo. Esta, dixo, “é unha mostra do excepcional traballo que realiza Galicia e este torneo de máis de 20 anos de historia co deporte de base”. 

Por último, Lete Lasa lembrou que o Torneo Júnior ITF de Sanxenxo leva anos sendo un Proxecto de Especial Relevancia no convenio de colaboración que asina a Secretaría Xeral para o Deporte coa Federación Galega de Tenis. Un convenio que neste 2022 ascendeu un 3 % ata preto dos 110.000 euros.