O Leis cae en Zamora na cancha do líder e segue en problemas

Pontevedra
04 de decembro 2017

Os pontevedreses realizaron un gran traballo defensivo na primeira metade e chegaron ao descanso con empate sen goles, pero na segunda víronse superados polo poderío do seu rival

Partido entre Leis e Guardo FS
Partido entre Leis e Guardo FS / Diego Torrado

Non puido sacar nada positivo o Leis Pontevedra na súa visita á pista do líder da Segunda B de fútbol sala, o Zamora (3-0).

Loitaron os pontevedreses para tentar sumar polo menos un punto, pero terminaron cedendo ante o  poderío local na segunda metade do partido.

No primeiro acto os de Manu Cossío mostráronse sólidos e aguerridos en defensa concedendo poucas ocasións ao seu rival. Tiveron algún achegamento á contra pero chegaron ao descanso con empate sen goles.

Todo cambiou no minuto 8 do segundo tempo co gol de Pablo para o Zamora nunha acción individual, e dous minutos despois con fortuna nun rebote Aitor poñía o 2-0.

Adiantou liñas o Leis en busca da reacción, pero pasaban os minutos sen resultado, polo que Manu  Cossío decidiu apostar polo porteiro-xogador a falta de cinco minutos. Sen embargo o que chegaría nunha perda de balón sería a sentenza dos locais.

A derrota mantén ao Leis Pontevedra nunha situación comprometida na táboa clasificatoria, antepenúltimo con 7 puntos.