O Leis pecha a tempada vencendo ao Bembrive e o ADFS Bueu despídese con derrota

Pontevedra
16 de maio 2016

Os pontevedreses acaban a liga na sexta posición mentres os do Morrazo descenden de categoría

Partido entre Leis e Mosteiro Bembrive no Municipal
Partido entre Leis e Mosteiro Bembrive no Municipal / Diego Torrado

Bo peche de tempada para o Leis Pontevedra, que despide o curso na Segunda B de fútbol sala cos obxectivos cumpridos, logrando comodamente a permanencia ao finalizar na sexta praza da clasificación.

Os de Manu Cossío venceron en Vigo ante o Mosteiro Bembrive (0-2) nun partido no que levaron o peso do xogo.

Os pontevedreses concederon poucas ocasións e acertaron en ataque aos 15 minutos para poñer o 0-1 coa colaboración da defensa rival.

Na segunda metade o Bembrive saíu con porteiro-xogador na busca da remontada, obrigando ao Leis a defenderse ata que no 35 Miguel consegue roubar un balón para facer o 0-2 de lonxe.

DERROTA DO ADFS BUEU NA SÚA DESPEDIDA DA CATEGORÍA

O que non puido sumar un triunfo para despedirse con bo sabor de boca da categoría foi o ADFS Bueu, ao perder na casa ante o O Esteo (5-6).

O seu último partido ligueiro foi un reflexo do que sucedeu en boa parte da campaña, con dominio do balón, momentos de bo xogo pero ineficacia nos últimos metros e erros defensivos que se converteron en ocasións de gol en contra marcando a diferenza. Os do Morrazo terminan a competición na última praza.