O Leis Pontevedra denuncia trabas da RFEF para competir en Segunda División do fútbol sala feminino

Pontevedra
26 de setembro 2019

O conxunto pontevedrés solicita praza nesta categoría despois da renuncia do Stilo Kirol Kluba a unha semana do inicio da competición en virtude dun acordo ao que chegaran coa Federación

Partido entre Leis Pontevedra e Mora FS en Príncipe Felipe
Partido entre Leis Pontevedra e Mora FS en Príncipe Felipe / Diego Torrado

O Leis Pontevedra mostra o seu malestar coa RFEF ao non concederlle a praza vacante no grupo I da Segunda División feminina de fútbol sala á que o club considera que ten dereito polo coeficiente da tempada anterior despois da renuncia do Stilo Kirol Kluba.

A través dun comunicado, o conxunto pontevedrés explica que solicitaron praza nesta categoría como así acordaran coa federación en caso de renuncia dalgún equipo. Con todo, o ente federativo segue sen admitir a solicitude do club e deixará o grupo con só trece participantes co prexuízo que supón para a competición e o resto de integrantes.

No seo do Leis séntense agraviados pola RFEF posto que desde que se produciu o descenso no curso 2016-2017, a escuadra lerezana vén solicitando praza nesta categoría ano a ano. 

No 2017-2018, o equipo quedou ás portas porque concederon praza ao quinto clasificado da liga galega. Ao ano seguinte, a categoría pasa a ter 16 equipos e a pesar de quedar segundos na liga galega, tampouco obtiveron praza. Na campaña que está a piques de empezar, o grupo I é o único que foi reducido a 14 equipos, o que volve deixar fose ao Leis a pesar de ter o mellor coeficiente.

Aseguran ademais contar co compromiso da RFEF de admitir ao Leis no caso de que se producise unha vacante. Agora que se dá esa situación, critican que desde Madrid incumpren o acordo.