O Leis retoma os adestramentos con dúas baixas por covid-19 e unha renuncia por problemas laborais

Pontevedra
28 de outubro 2020

O equipo adestrará a partir de agora con máscara para reducir as posibilidades de contaxio e está disposto a xogar tamén os partidos con este elemento de protección sempre que o rival tamén o faga

Equipo do Leis na amigable fronte ao Santiago Futsal
Equipo do Leis na amigable fronte ao Santiago Futsal

Dez días pasou o plantel do Leis en corentena despois dos tres positivos rexistrados por coronavirus entre os seus xogadores tras a disputa dun amigable contra o Santiago Futsal, que tiñan, sen sabelo, varios contaxiados no equipo. As consecuencias deste confinamento foron o aprazamento do primeiro partido de liga e de Copa do Rey, así como a marcha de Dani Taboada que, por razóns laborais, non pode arriscarse a pasar outro confinamento.

Dos tres casos positivos, un xogador xa foi dado de alta, mentres que os outros continúan evolucionando nos seus domicilios. Dado o longo período de inactividade, a directiva do Leis solicitará tamén o aprazamento do choque desta fin de semana contra A Estrada. Ademais, o conxunto lerezano regresa este mércores aos adestramentos con só 10 dos 15 futbolistas que forman parte do primeiro equipo.

Este suceso motivou un cambio nos protocolos de seguridade que aplicará o equipo e que espera que adopten tamén o resto de rivais e a federación. "A partir de agora adestraremos con máscara", asegura o director deportivo, Sergio García, coa intención de que sirva para reducir as posibilidades de contaxio. "Se o rival o fai, nós tamén estamos dispostos a xogar con máscara", sostén o directivo, quen considera "un mal menor" facer exercicio físico con este elemento que "non está demostrado" que afecte o rendemento nin á respiración.

Sobre a marcha de Dani Taboada, no club móstranse comprensivos co xogador posto que a maior parte de integrantes do plantel e da competición non se dedican exclusivamente ao fútbol sala e non poden arriscarse a perder os seus traballos. Agora o club pontevedrés peitea o mercado en busca dun xogador con "perfil non laboral", confesa García.