Máis de 400 deportistas participaron esta fin de semana na primeira edición do Open Cidade de Pontevedra de media maratón, unha proba que serviu para testar o circuíto do próximo campionato de Europa de piragüismo maratón que se celebrará en Pontevedra a finais deste mes de xuño.
Foi un gran espectáculo o que brindaron os participantes neste torneo, especialmente nas zonas de porteo onde os padeeiros tiveron que cargar a pé coa súa piragua.
Os vencedores en K2 senior foron os internacionais do Kayak Tudense Diego Piña e Iván Alonso, mentres que Tono Campos e José Sánchez do Breogán do Grove gañaron en C2. Entre as mulleres, o ouro na proba de K2 senior foi para a embarcación formada por Lorena Jubón e María Lancho do Cidade de Lugo.
Na modalidade individual, o vencedor en K1 senior foi Jesús León do Fluvial O Barco, Damián González do Piragüismo Verducido foi o primeiro en C1, Nuria Villace do Breogán do Grove terminou primeira en K1 e Marine Sansinena gañou en C1.
Foi o Club de Mar Ría de Aldán o que levou o trofeo de vencedor nesta primeira edición dunha proba que aspira a ser habitual no calendario galego cun total de 1.141 puntos, seguiulle en segunda posición o Club Naval de Pontevedra con 1.037 puntos e terceiro con 1.006 puntos foi o Club As Torres.
Os resultados completos da proba pódense consultar na web da Federación Galega de Piragüismo.
A clasificación xeral de clubs puntuable para as ligas masculina e feminina senior e xuvenil era outro dos puntos interesantes da xornada.
O Club Piragüismo Vilaboa levou a vitoria en senior masculino por diante do Club Kayak Tudense e o Naval de Pontevedra. En cambio, na xeral feminina o triunfo levouno o Ría de Aldán, segundo foi o Club As Torres e terceiro o Breogán do Grove.