O líder pon a proba a reacción do Pontevedra

Pontevedra
13 de outubro 2018

A Ponferradina, invicta aínda na liga, visita este domingo (17:00 horas) o Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón. Os granates, na busca do seu segundo triunfo consecutivo e dun golpe de moral que lles faga escalar postos na clasificación

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

Dura proba para o Pontevedra e para a súa capacidade de reacción. Despois de vencer a pasada xornada na casa dun dos favoritos ao play- off como o Fuenlabrada, os granates reciben agora a visita este domingo en Pasarón (17:00 horas) do líder invicto da competición, a Sociedad Deportiva Ponferradina.

"Es un rival de mucho talento y experiencia, es un partido en el que no puedes conceder", avisa Luismi sobre o seu rival. Non en balde o cadro berciano só empatou un encontro, na segunda xornada ante o Salmantino como visitante, e gañou a Fabril e Coruxo xogando lonxe de Ponferrada e a Burgos, Guijuelo, Sanse e Rápido de Bouzas no seu estadio, con 12 goles a favor e só dous en contra.

O ex-granate Yuri chega ademais á que foi a súa casa no seu mellor momento dos últimos anos, con 6 goles no seu haber, aínda que o que máis preocupa ao técnico do Pontevedra é que "sólo llevan dos goles encajados y a partir de la defensa han ido creciendo", explicou.

É por iso que o equipo pontevedrés traballou nos últimos días a finalización ofensiva, buscando maior acerto para porta máis aló das xogadas de estratexia que decidiron o duelo en Fuenlabrada.

Luismi deberá realizar descartes para completar a convocatoria despois dunha semana no que a atención nos adestramentos centrouse no estado de Kevin, Adrián León e  Churre. Pola súa banda a Ponferradina conta coa baixa Míchel Zabaco por unha lesión muscular e do seu segundo gardameta, Yorgan.

O conxunto de Ponferrada non estará só no Estadio Municipal de  Pasarón, xa que a federación de pena de club organizou un desprazamento a Pontevedra.

O colexiado do encontro será o asturiano Pablo Fernández Pérez.