O maior acerto do Zornotza ante a canastra impide ao Peixe seguir sumando (71-67)

Marín
24 de novembro 2018

O cadro pontevedrés suma a súa quinta derrota desde o comezo da temporada no pavillón vasco de Larrea

Partido entre o Marín Peixe Galego e o Navarra
Partido entre o Marín Peixe Galego e o Navarra / Diego Torrado

A inferioridade no acerto en canastra durante practicamente todo o partido condenou ao Peixe Galego á derrota ante o Zornotza Saskibaloi Taldea, un dos pesos pesados de LEB Prata. Desta forma non puido manter o bo resultado da pasada xornada ante o Cantabria Ronsel e, aínda que tirou de orgullo, sobre todo no terceiro cuarto, non foi quen de facerse cos dous puntos.

Os primeiros 10 minutos estiveron moi igualados, pero, a pesar de que loitaron os marinenses desde o principio, non conseguiron recortar totalmente as distancias. Así, comezaron o segundo parcial dous puntos por baixo (17-15). Nesta ocasión, máis do mesmo, pero por mor de erros na pista e a lixeira superioridade local, os de Javi Llorente fóronse ao descanso co marcador en negativo (37-31).

Con todo, o partido aínda non estaba perdido. O paso polos vestiarios sentou ben aos marinenses, que lograron impoñerse aos vascos no terceiro parcial (15-20), Así, os do Peixe case conseguen empatar o encontro, xa que quedaron a un só punto das táboas (52-51).

Chegou o momento dos 10 minutos decisivos. Calquera cousa podería pasar, xa que a equidade continuou reinando no Polideportivo Larrea. Pero, finalmente, os vascos levaron o gato á auga e dominaron a xornada por moi pouco (71-67). Unha dura derrota para os pontevedreses, que regresan a casa cun amargo sabor de boca.

Consulta a acta completa do Zornotza Saskibaloi Taldea- Peixe Galego