O Mapfre, máis líder da Volvo Ocean Race tras o apertado final da sexta etapa

Sanxenxo
28 de febreiro 2018

"Foi unha etapa moi complicada, non só polo longa que foi senón polas condicións que nos atopamos", recoñeceu a pontevedresa Támara Echegoyen tras ser terceiros en Auckland e ampliar a súa renda á fronte da clasificación xeral

O Mapfre, no final da sexta etapa da Volvo Ocean Race en Auckland
O Mapfre, no final da sexta etapa da Volvo Ocean Race en Auckland / María Muíña / Mapfre

Támara  Echegoyen e os seus compañeiros do Mapfre na Volvo Ocean Race amplían a súa vantaxe á fronte da clasificación xeral despois de conseguir a terceira posición nun apertado final da sexta etapa.

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo faise forte superado o ecuador da competición ao superar nun duro man a man ao seu principal rival ata agora na clasificación, o Dongfeng, e ao Turn The Tide On Plastic durante as últimas 50 millas de etapa fronte á costa Este de Nova Zelandia.

A etapa, de máis de 6.000 millas entre Hong Kong e Auckland, levouna o Team AkzoNobel despois de 20 días de navegación e con apenas dous minutos de vantaxe sobre o Sun Hung Kai Scallywag. Só 20 minutos despois chegaría o desafío español por diante de Dongfeng, Turn The Tide On Plastic e por último o  Team Brunel, xa que o Vestas non puido completar o percorrido.

"Foi unha etapa moi complicada, non só polo longa que foi senón polas condicións que nos atopamos. Estivemos pelexando co Dongfeng desde o inicio. Sabemos que é un dos principais rivais e queriamos telo preto, polo que moitas das decisións que tomamos foron en función deles", recoñeceu Támara  Echegoyen á súa chegada a Nova Zelandia.

"Xa na metade da etapa estabamos na parte detrás da frota, pero unha etapa como esta en a que hai tantas variacións, transicións e cambios de vento é máis fácil poder coller á frota, e finalmente foi a así. Nas últimas millas os tres primeiros quedaron  encalmados e puidemos recortar esas millas que nos permitiron alcanzar o terceiro posto", explicou a pontevedresa.

Con este resultado o Mapfre logrou ampliar nun punto a súa vantaxe como líder da xeral da Volvo Ocean Race, acumulando un total de 39 puntos fronte aos 34 do Dongfeng, segundo clasificado. Por detrás, Scallywag pecha o podio da xeral provisional tras seis etapas cun total de 26 puntos.

A seguinte etapa da Volta ao Mundo a Vela, a sétima da competición, partirá desde Auckland o 18 de marzo e levará á frota ata Itajaí (Brasil) nun percorrido de 7.600 millas que contará con dobre puntuación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora