O Marcón estrea a súa pretempada cun prometedor empate ante o Choco

Pontevedra
31 de xullo 2014

O equipo adestrado por José Manuel Carlés iniciou esta semana os adestramentos para encarar unha tempada histórica, a da estrea do club pontevedrés no Rexional Preferente

Primeiro partido de pretempada do Marcón ante o Choco
Primeiro partido de pretempada do Marcón ante o Choco / Diego Torrado

O Marcón Atlético iniciou os adestramentos dunha tempada histórica, a da súa estrea na Rexional Preferente.

O conxunto adestrado por José Manuel Carlés empezou a súa posta a ton con intensas sesións de traballo e o primeiro encontro amigable, ante o Choco de Tercera División.

A pesar de aliñar dous equipos completamente diferentes en cada un dos tempos, as sensacións dos pontevedreses foron moi positivas ante os de Redondela, empatando a tres tantos con goles de Aarón, Gelillo e Sapi.

A próxima cita para os de Carlés será tamén no Carrasco, o próximo sábado 2 de agosto (19:00 horas) ante o Xuventú Sanxenxo.

O preparador pontevedrés comeza o curso coa ilusión de realizar un bo papel pero sen poñerse a permanencia como obxectivo: "no hay que pensar en meter cuatro o cinco equipos por debajo, tenemos que pelear cada partido y después ver dónde nos pone la clasificación".

Carlés non obstante recoñece que non se poñerán límites cun plantel que mantén o bloque que logrou o ascenso e conta de momento con dúas incorporacións, as de Gelillo e Héctor.

Algúns futbolistas non terán oco entre as "22 o 23 fichas", aínda que os descartes se producirán tras a pretempada, na que a maioría de xogadores decidiron participar a pesar de que "a algunos les dijimos que iban a tener difícil jugar".

Polo momento o técnico fixa en 19 o número de fichas comprometidas. O resto sairá dos futbolistas a proba e dalgunha posible incorporación que peche o plantel.