O Marcón inicia os adestramentos coa "ilusión" de loitar pola permanencia

Pontevedra
28 de xullo 2015

O equipo adestrador por José Manuel Carlés iniciou este luns a pretempada no campo do Carrasco. Fixaron polo momento cinco compromisos amigables

Primeiro adestramento de pretempada do Marcón no Carrasco
Primeiro adestramento de pretempada do Marcón no Carrasco / Diego Torrado

Coas baterías cargadas e "ilusión de conseguir manternos na categoría". Así arrancou este luns a pretempada o Marcón Atlético baixo as ordes, un ano máis, de José Manuel Carlés.

O técnico fíxase de novo a continuidade en Preferente como obxectivo principal, cun equipo con varias caras novas pero que aínda podería sufrir cambios porque "nin está pechado nin buscamos algo de maneira obsesiva", recoñece Carlés.

Antes do inicio de liga, fixado para o 23 de agosto ante o Porriño, os pontevedreses afrontarán cinco compromnisos amigables.

O primeiro deles xogarase xa este xoves 30 (21:00 horas) ante o Ribadumia a domicilio, un partido que chega cedo pero que será unha boa pedra de toque.

Despois chegará o 5 de agosto a estrea na casa ante o Pontevedra e o sábado 8 un choque, tamén no Carrasco, contra o Caldas.

Ademais o Marcón participará no triangular do Marín, no que tamén participará o Moaña, antes de pechar a pretempada co tradicional Trofeo Ferretería Gallega, o domingo 16 de agosto ante o equipo de División de Honra Xuvenil do Celta de Vigo.