O Mareantes golpea primeiro no play-off pola permanencia (28-24)

Pontevedra
25 de abril 2017

Os pontevedreses venceron no partido de ida da eliminatoria ao Zalaeta aínda que o resultado deixa todo por decidir para o choque de volta fixado para o domingo 30 de abril na Coruña

Partido entre Mareantes e Zalaeta en Monte Porreiro
Partido entre Mareantes e Zalaeta en Monte Porreiro / Diego Torrado

O primeiro asalto pola permanencia na Primeira Territorial Galega de rugby foi para o Mareantes, ao derrotar na ida da eliminatoria ao subcampión de Segunda, o Zalaeta (28-24).

Tivo na man o Mareantes un resultado máis folgado, a pesar de que o Zalaeta, con 13 xogadores nos primeiros minutos, empezou ensaiando. Os locais repuxéronse e con tres ensaios en media hora, de Guille e David Güimil en dúas ocasións, conseguiron chegar ao descanso en vantaxe (21-5).

Ao comezo da segunda metade o Zalaeta ensaiaba e os pontevedreses respondían anotando por medio de Iago Pelos, que poñía o 28-10. 

Controlaba o partido o Mareantes e parecía que podía levar unha boa renda, pero nos últimos 5 minutos fraquearon as forzas e os coruñeses aproveitaron para ensaiar en dúas ocasións meténdose de cheo na eliminatoria.

O apertado do resultado deixa todo por decidir para o choque de volta previsto para o vindeiro domingo 30 de abril (13:00 horas) na Coruña.