O Marín Futsal confirma o seu bo inicio de liga con outra goleada, esta vez ao Leganés (7-2)

Marín
17 de setembro 2022

Trece, nin máis nin menos, son os goles que marcou o Marín Futsal en tan só dúas xornadas de liga. E é que as xogadoras de Ramiro Díaz están que se saen neste inicio de Primeira Nacional, asinando a súa segunda goleada consecutiva, esta vez ao Leganés por 7-2

Partido entre Marín Futsal e Leganés na Raña
Partido entre Marín Futsal e Leganés na Raña /

Trece, nin máis nin menos, son os goles que marcou o Marín Futsal en tan só dúas xornadas de liga. E é que as xogadoras de Ramiro Díaz están que se saen neste inicio de Primeira Nacional, asinando a súa segunda goleada consecutiva, esta vez ao Leganés por 7-2.

Con todo, da primeira ocasión do partido gozou o conxunto pepineiro da man de María Barcelona que, tras unha presión alta, roubou o balón en primeira liña e xutou a portería de Silvia Aguete. Respondeu acto seguido Ale de Paz para as de Marín aínda que sen fortuna.

Iso si, aos catro minutos de xogo as locais non perdoaron. Café roubou o esférico ao seu par e superou por alto a Miriam, asinando o 1-0.

As madrileñas seguiron de cheo no partido e subiron a presión en busca do tanto do empate, que chegou no tramo final do primeiro acto tras un mal despexe de Silvia que cazou Faty Villar para anotar.

Despois do descanso todo cambiou e o Leganés desapareceu por completo. Puche, nada máis saír dos vestiarios, anotou en propia un disparo afastado de Adri García tras saque de esquina, e pouco despois, nun erro de Raquel na saída de balón, Sara Santes deixaba de espuela a Lara Balseiro para que a porta baleira fixese o 3-1.

As de Marín non daban tregua ao seu rival e nun visto e non visto sentenciaron o encontro. Saíron co balón xogado desde atrás, mentres todo a Lega estaba envorcado realizando unha presión alta. Combinaron as locais, Sara Santos recolleu o balón e enviou en longo a unha desmarcada Ale de Paz, que disparou cruzado e anotou o 4-1.

Apostou polo xogo de cinco o cadro visitante con Patry Montilla como porteira xogadora, e aproveitou a ocasión Silvia Aguete para estrearse como goleadora anotando unha 'manita' desde cancha propia.

O sexto chegou cunha vaselina de Marta Gago no tramo final, segundos máis tarde roubou Adri en tres cuartos de cancha e fixo o propio anotando o sétimo gol e, a falta de poucos segundos para a conclusión, Guti, co xogo de cinco, marcou o 7-2 co que concluíu o duelo.

MARÍN FUTSAL (7): Silvia Aguete; Ceci, Jessi, Pau e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Adri, María León, Sara Santos, Bea Mateos, Lara Balseiro, Marta Gago e Iria Varela (segunda porteira).

LEGANÉS (2): Miriam; Guti, Natalia Orive, María Barcelona e Patri Blázquez (quinteto inicial). Tamén xogaron, Puche, Patry, Faty Villar, Olea, Chuli, Paula Molano e Raquel (segunda porteira).

Goles: 1-0, min. 4 Café. 1-1, min. 19 Faty Vilar. 2-1, min. 22 Puche (propia porta). 3-1, min. 25 Lara Balseiro. 4-1, min. 26 Ale de Paz. 5-1, min. 32 Silvia Aguete. 6-1, min. 38 Marta Gago. 7-1, min. 38 Adri. 7-2, min. 340 Guti.

Incidencias: A Raña. Colexiados, Lida Crespo e Borja Pérez. Amoestaron a Sara Santos no Marín.