A Primeira División Feminina de fútbol afronta esta fin de semana a última xornada do ano 2022 á que Marín Futsal e Poio Pescamar chegan con sensacións diferentes.
As de Ramiro Díaz buscan un triunfo que se lle resiste desde o 12 de novembro na pista do Joventut D'Elx, mentres que as vermellas buscarán seguir prolongando a súa boa serie de vitorias que as manteñen na terceira posición da táboa, empatadas a puntos co Burela.
Para iso, o Marín despedirá o ano na súa casa, na Raña, a partir das 17:00 horas contra o Gran Canaria Teldeportivo das Palmas, equipo recentemente ascendido que ocupa a penúltima praza con seis puntos.
Para a última cita do ano, o técnico poderá contar con todas as xogadoras fóra de Café, lesionada dun nocello no encontro contra o Alcantarilla que lle impediu xogar a segunda parte.
Á marxe do deportivo, o equipo organiza para este encontro unha recollida solidaria de alimentos que se destinarán aos máis necesitados. Así, por cada 2 quilos de alimentos non perecedoiros que entregue cada persoa no acceso ao pavillón, entrará de maneira gratuíta ao partido.
As de Luís López-Tulla, pola súa pola súa banda, viaxarán a Melilla para medirse ao Torreblanca (20:00 horas), unha das saídas "máis complicadas da tempada polo nivel do equipo e porque xogamos fóra".
O Poio buscará en todo caso unha nova vitoria que, en caso de conseguila, valerá ouro xa que servirá para botar máis terra polo medio coas melillenses, inmediatas perseguidoras das rojillas que se atopan cuartas pero a oito puntos de distancia.