O marinense Hugo Mallo fai historia no Celta como o seu segundo xogador con máis partidos oficiais

Marín
05 de abril 2021

O capitán celtista igualou a Atilano este domingo ante o Alavés como o segundo xogador na historia do club vigués con máis partidos oficiais nas súas filas. Aos seus 29 anos, xa é o futbolista que máis partidos disputou co Celta en Primeira División

Hugo Mallo celebra un gol co Celta
Hugo Mallo celebra un gol co Celta

Hugo Mallo segue facendo historia no Real Club Celta. O futbolista marinense é dos poucos xogadores que aspiran no fútbol actual á etiqueta de 'One Club Man', é dicir, a completar toda a súa carreira deportiva defendendo a mesma camiseta.

No caso de Mallo, que debutou no primeiro equipo celeste con 18 anos na tempada 2009/2010, en Segunda División, esa longa traxectoria fíxolle derrubar unha nova barreira na recente xornada de liga.

Ante o Alavés, este domingo 4 de abril, o lateral dereito igualou a Atilano como segundo xogador con máis partidos oficiais ás súas costas co Celta, un total de 392. Por diante del só queda un mito do club vigués como o histórico capitán Manolo, que disputou 533 encontros oficiais. O propio club lembrou nas súas redes a efeméride dun home que xa forma parte da historia da entidade.

 

De feito Hugo Mallo, formado desde o seu segundo ano de infantil no Celta tras pasar polo Salgueiriños e polo Pontevedra CF, é xa o futbolista con máis partidos en Primeira División co Celta, tras superar esta mesma tempada o ruso Aleksandr Mostovói (235) na que é a súa novena tempada consecutiva na máxima categoría. En todas elas foi peza importante para os seus adestradores.

O mellor de todo é que o marinense, a piques de alcanzar a trintena, ten aínda uns anos de carreira por diante para derrubar o último muro que queda antes de converterse en todo un mito para o seu club.