O Medio Maratón de Pontevedra aspira a superar os 1.500 corredores

Pontevedra
15 de outubro 2019

A carreira celébrase este domingo con saída desde a ponte dos Tirantes e meta nas pistas do CGTD. Haberá ademais unha carreira paralela de 10 quilómetros, unha pantalla xigante para seguir a proba en vivo e un concerto ao finalizar o evento

Presentación do XXIV Medio Maratón de Pontevedra
Presentación do XXIV Medio Maratón de Pontevedra / Cristina Saiz

As rúas de Pontevedra encheranse este domingo de corredores. A Sociedade Ximnástica ultima os preparativos da vixésimo cuarta edición do Medio Maratón de Pontevedra, a clásica carreira pedestre naceu no 1977 coa modalidade de gran fondo e este ano aspira a superar os 1.500 corredores, unha das participacións máis altas dos últimos anos. "Saímos desde a ponte dos Tirantes, que é o quilómetro cero do os eventos deportivos da cidade e percorreremos as rúas máis carismáticas, é un circuíto urbano", explicou o atleta e director técnico da proba, Víctor Riobó.

Unha das novidades da xornada é a incorporación dunha proba de 10 quilómetros para os atletas menos expertos. "É máis accesible", dixo Riobó en nome da organización que espera que esta carreira axite a participación. A saída do medio maratón está prevista para as 11 horas, mentres que vinte minutos antes tomarán a saída os corredores dos 10.000 metros.

Aínda que o prazo de inscrición está aínda aberto, o número de corredores supera xa os 1.200 a falta de que formalicen a súa matrícula uns 80 corredores da Brilat e máis de medio centenar da Escola Naval Militar. "Damos apoio loxístico, con carpas, mesas bancos e persoal. Estamos gostosos de participar e tamén de colaborar", dixo o subtenente Costado, presente no acto de presentación da carreira.

Outro dos elementos novos desta edición é que por primeira vez a meta estará instalada nas pistas de atletismo do CGTD. Ademais, haberá unha pantalla xigante nas inmediacións para seguir a carreira en vivo e ao finalizar a competición terá lugar un concerto de música en directo.

"Aos pontevedreses pídolles que saian á rúa e que sexa un día festivo, a ver se a choiva nos respecta", solicitou a presidenta da escuadra lerezana, Charo Castro, quen tamén fixo un chamamento á participación para superar a cifra dos anos anteriores.

"É unha carreira que naceu con humildade ata converterse nun referente", dixo o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, durante a presentación do evento que tivo lugar este martes no Concello e na que estiveron presentes a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides; o subtenente Costado da Brilat e representantes dos patrocinadores da proba.