O Medio Maratón de Pontevedra modifica o seu percorrido pensando en achegarse aos 1.500 participantes

Pontevedra
25 de setembro 2014

A carreira disputarase o domingo 19 de outubro. A estreiteza dalgúns puntos do circuíto motiva as modificacións. Nunha semana preto de 400 atletas confirmaron a súa presenza na proba, última cita do Circuíto de Carreiras Populares

XVIII Medio Maratón 2013
XVIII Medio Maratón 2013 / Diego Torrado

A estreiteza dalgúns puntos do circuíto ameazaba con cortar a súa progresión, por iso a organización do Medio Maratón de Pontevedra decidiu varialo na súa décimo novena edición.

A proba, orgzanizada pola Sociedad Gimnástica coa colaboración do Instituto Municipal de Deportes (IMD), disputarase o próximo domingo 19 de outubro dende as 11:00 horas.

O obxectivo pasa por superar a cifra de 2013, cando 1.382 atletas tomaron a saída. Pensando nunha cifra importante de participación a saída realizarase esta vez dende a Avenida de Bos Aires, nas inmediacións da ponte dos Tirantes.

Tras o pistoletazo inicial, en lugar de dirixirse cara a Monte Porreiro como en pasadas edicións farano en sentido contrario, ao igual que no tramo que discorre pola zona monumental e urbana de Pontevedra. Ademais elimínase o paso polo Campus Universitario substituíndoo pola zona de orillamar, pasando pola Avenida de Uruguai e As Corbaceiras.

A inscrición xa está habilitada a través da páxina www.championchipnorte.com cun prazo que se prolonga ata o día 14 de outubro. En apenas unha semana foron xa preto de 400 os corredores que confirmaron a súa presenza no medio maratón, que pecha por segundo ano o Circuíto de Carreiras Populares.

O prezo de anotación é de 15 euros se se realiza antes de final de setembro ou de 20 se se fai xa no mes de outubro, aínda que o Concello de Pontevedra sufragará estes gastos a todos os desempregados que acrediten estar nesa situación.