O Medio Maratón de Pontevedra promete un trazado "competitivo e fermoso" pola cidade

Pontevedra
10 de outubro 2023

Pontevedra celebrará este domingo 15 de outubro unha nova edición dunha das súas probas deportivas máis senlleiras, o Medio Maratón de Pontevedra, no que participarán máis dun milleiro de atletas, recuperando os niveis que se daban antes da pandemia

Presentación do XXVIII Medio Maratón de Pontevedra
Presentación do XXVIII Medio Maratón de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Pontevedra celebrará este domingo 15 de outubro unha nova edición dunha das súas probas deportivas máis senlleiras, o Medio Maratón de Pontevedra, no que participarán máis dun milleiro de atletas, recuperando os niveis que se daban antes da pandemia.

A saída será ás 10:20 horas e os deportistas atravesarán un trazado que os organizadores definen como "competitivo e fermoso", xa que esta clásica carreira percorre distintos espazos da cidade, desde as beiras do Lérez ata todo seu centro histórico.

"Estamos orgullosos da nosa cidade e queremos ensinala cada vez que queiramos, mais que o percorrido da carreira atravese o centro non é só por iso, senón porque cremos que é a maneira de darlle visibilidade ao deporte", explicou a edil de Deportes, Anabel Gulías.

O director técnico da proba, Víctor Riobó, lembrou que o trazado da carreira principal, que ten de 21 quilómetros, partirá da ponte dos Tirantes cara a ponte de Santiago, pasando logo ao carón do Pazo da Cultura para logo chegar ao campus universitario.

Os corredores e corredoras volverán na mesma dirección para continuar pola avenida de Uruguay ata As Corbaceiras, retornando pola mesma avenida e entrando na cidade por Arcebispo Malvar, atravesando Michelena e baixando pola rúa Real cara a avenida de Uruguay e Bos Aires.

Despois de entrar na pista do CGTD, terán que saír cara a praia fluvial -sen chegar a ela- e por último deberán repetir o circuíto desde a ponte dos Tirantes.

Riobó destacou que esta proba deportiva, na que volverá a participar o atleta Reyes Estévez como padriño e competidor, busca sempre "que exista un equilibrio entre a comodidade do circuíto, a competición, a paisaxe e a posibilidade de facer marcas".

Ademais, destacou a presencia da proba 'Gran Fondo Kids', un trazado para os máis pequenos, cun carácter máis lúdico e menos competitivo.