O mellor bádminton galego regresa este sábado a Pontevedra

Pontevedra
27 de outubro 2023

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá este sábado a partir das 10:00 horas a sexta edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de Bádminton, onde estarán os xogadores máis prometedores a nivel galego como Darío Míguez, Sara del Castillo, Rubén Gomerón ou Ana Novoa

Presentación da sexta edición do trofeo Cidade de Pontevedra de bádminton
Presentación da sexta edición do trofeo Cidade de Pontevedra de bádminton / Mónica Patxot

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá este sábado a partir das 10:00 horas a sexta edición do trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton.

O evento foi presentado este venres pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o presidente do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, Jesús Pereiro.

Gulías indicou que esta sexta edición fala "do esforzo e da constancia do club, que leva moito tempo visibilizando o bádminton, amosando a capacidade e o potencial das persoas que practican esta disciplina. Quero manifestar a miña alegría por colaborar con este tipo de eventos e animar ao club a seguir traballando, seguindo un camiño que dá os seus froitos, tal e como demostra a súa praza na División de Honra".

O trofeo Cidade de Pontevedra volverá ser puntuable para o ránking nacional nas categorías sub-15 e sub-19, polo que "as mellores raquetas de Galiza terán unha cita en Pontevedra", subliñou.

Jesús Pereiro, por último, recalcou a importancia deste campionato que contará con algúns dos deportistas máis prometedores a nivel galego, como Darío Míguez ou Sara del Castillo, que ademáis son os actuais campións de España, ou a Rubén Gomerón e Ana Novoa.