O mellor baloncesto galego cítase en Marín

Marín
12 de setembro 2018

Os dous equipos galegos que militan na Liga ACB, Breogán e Obradoiro, e os dous de LEB Ouro, Basquet Coruña e COB Ourense, protagonizarán este domingo 16 de setembro as semifinais da Copa Galicia no pavillón marinense da Raña

Presentación da fase final da Copa Galicia de baloncesto
Presentación da fase final da Copa Galicia de baloncesto / Concello de Marín

O pavillón marinense da Raña congregará os catro mellores equipos do baloncesto autonómico o vindeiro domingo 16 de setembro nas semifinais da Copa Galicia.

Nelas mediranse os dous equipos galegos que militan na Liga ACB, Breogán de Lugo e Obradoiro, contra os dous que o fan na LEB Ouro, Basquet Coruña e COB Ourense.

A fase final da competición autonómica presentouse oficialmente este mércores no Concello de Marín, que tamén será escenario da gran final o día 31 de outubro.

O domingo abrirán fogo na primeira semifinal (18:00 horas) o Basquet Coruña e o Breogán, sendo a segunda quenda (20:00 horas) para o partido entre COB Ourense e Obradoiro.

As entradas terán un prezo único de 10 euros que dará dereito a presenciar os dous encontros.