O IX Torneo EncestaRías coroou como gañador o AS Mónaco despois de impoñerse por 93-100 ao Valencia Basket.
O público non defraudou nesta gran cita que tivo como aperitivo o partido polo terceiro e cuarto posto entre o Leyma Coruña e Río Breogán.
O conxunto coruñés, recentemente ascendido a Liga ACB, foi o encargado de levar a batuta no primeiro cuarto, controlando cada xogada defensiva e brillando en ataque para pechar un parcial de 19-8. Parecía que o partido estaba controlado, pero todo o contrario. O Breogán repúxose e logrou o control do xogo para voltear o resultado e mandar o partido ao descanso en 29-31.
A igualdade mantívose antes de chegar aos minutos decisivos, nos que o Leyma Coruña logrou poñerse por diante e terminar vencendo nun apertado 70-65.
Co terceiro e cuarto posto decidido, chegou a quenda da gran final entre Valencia Basket e As Mónaco.
Tras un inicio no que o equipo español foi dominador (26-18), o Mónaco puxo as pilas e apertou o marcador, enviando o encontro ao descanso nun axustado 48-46.
Con todo, o control do marcador continuou sendo para o Valencia e pechou o terceiro cuarto en 77-72, deixando aínda con vida o campión francés.
Restaban dez minutos e todo podía pasar, aínda que foi precisamente o Mónaco o que terminou volteando o resultado cun gran último cuarto para facerse co IX Torneo EncestaRías por 93-100.