O Nacional Júnior de Taekwondo enche de cor o Municipal

Pontevedra
16 de febreiro 2014

Pontevedra pasa o exame ante a Federación Española e aspira a seguir organizando eventos de nivel. Galicia logra un total de nove medallas

Campionato de España Júnior de Taekwondo
Campionato de España Júnior de Taekwondo

Os taekwondistas galegos lograron un total de nove medallas no Campionato de España Júnior celebrado en Pontevedra.

A cidade de Lérez pasou con nota o exame organizativo da Federación nunha xornada marcada polo grande ambiente nas bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes.

"Muy contento" declarou estar o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, que se reafirma na súa intención de traballar para traer a Pontevedra competicións de nivel internacional nun futuro non moi afastado.

En canto a esta competición, na que participaron preto de 300 deportistas das diferentes comunidades autónomas, a Selección Galega colgouse a prata en categoría feminina e o bronce na absoluta.

No plano individual, das nove medallas tres foron de ouro, dous de prata e catro de bronce.

Sabela López (+68 kg), Laura Dosil (-59) e Ruth Tilve (-44) proclamáronse vencedoras nos seus respectivos pesos.

Pola súa banda as dúas pratas foron para Agustín Carou (78 kg) e Andrés Freijeiro (-59) e os bronces para Beatriz Parada (-49), Myriam García (-63), Ainhoa Ramos (-63) e Antía Pérez (+68).