O Natación Galaico, mellor equipo do Campionato Galego de Inverno

Pontevedra
22 de decembro 2014

O equipo pontevedrés revalidou en Santiago de Compostela o título de campión galego despois de tres xornadas de competición nas que varios dos seus nadadores rebaixaron as súas mellores marcas

Equipo do Galaico tras impoñerse no Campionato Galego de Inverno
Equipo do Galaico tras impoñerse no Campionato Galego de Inverno

A piscina de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, rendeuse ao potencial do Club Natación Galaico no Campionato Galego de Inverno.

Durante os tres días de competición o equipo pontevedrés mantívose como o mellor na clasificación por equipos, logrando revalidar o título de hai un ano en Ferrol.

O Galaico finalizou con 999,5 puntos polos 819,5 do Pavillón Ourense e os 693 do Cidade de Santiago, coas rapazas en primeira posición e os rapaces segundos tras o equipo anfitrión.

Axudaron moito a conseguir o obxectivo as boas marcas dos nadadores lerezanos, que en varios casos melloraron os seus rexistros.

Foi o caso de Daniel Sánchez, que logrou a mellor marca galega de menores de 16 anos nos 50 costas (26.72) e nos 100 costas (57.33), Águeda Cons nos 1.500 para menores de 14 anos (17:16.00) e Nuria Erselle, que bateu o mellor tempo autonómico dos 100 costas en dúas ocasións para deixalo en 1:05.54.

Na piscina de 25 metros puidéronse ver ademais varios records do campionato, os de Bea Gómez nos 200 estilos (2:12.89) e os relevos 4x100 e 4x200 feminino, composto pola propia Bea, Nuria Erselle, Iria García e Paula Goyanes (3:53.96 e 8:20.82 respectivamente).

O fin de semana completouse no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontevedra, que reuniu 150 nadadores das categorías Promesa, Benxamín e Alevín para a terceira xornada da liga de idades e a segunda do Trofeo Promesas.