O Pavillón Municipal pasa a última inspección da IHF previa ao Mundial Júnior de balonmán

Pontevedra
26 de febreiro 2019

Técnicos da Federación Internacional de Balonmán (IHF) visitaron este martes Pontevedra, unha das sedes xunto a Vigo do Mundial Júnior que se celebrará do 16 ao 24 de xullo. Segue sen definirse cal dos dous pavillóns acollerá a gran final

Visita de inspectores da IHF por mor do Mundial Júnior de balonmán
Visita de inspectores da IHF por mor do Mundial Júnior de balonmán / Federación Galega de Balonmán

Cada vez queda menos para que Pontevedra, xunto a Vigo, acolla o próximo verán o Campionato do Mundo Júnior de balonmán.

Mentres a Federación Internacional (IHF) segue sen desvelar cal das dúas sedes, o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ou o das Travesas en Vigo, acollerá a gran final da competición, a organización segue avanzando ultimando algúns detalles do evento.

Por ese motivo dous inspectores da IHF, Per Bertelsen e Marco Tosi Brandi, estiveron este martes en Pontevedra supervisando as instalacións que  acollerán o Mundial, tanto para os partidos como as pistas que se usarán para adestramentos.

Así, ademais do propio Pavillón Municipal dos Deportes, a delegación internacional tiña previsto na súa última visita previa ao campionato pasar revista ao pavillón de Príncipe Felipe e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Durante a súa estancia en Galicia os representantes da Federación Internacional tamén pasaron por Vigo e visitaron instalacións hostaleiras. Ademais realizáronse reunións con dirixentes das federacións galega e española e con técnicos municipais das dúas cidades.

O Mundial Júnior de Balonmán reunirá en Pontevedra e Vigo a 24 seleccións nacionais para un torneo que se celebrará de 16 ao 24 do próximo mes de xullo.